AFIRVAL reclama actuacións urxentes contra as inundacións no río Valdecorvos
"Fagamos unha revisión completa do tramo soterrado e plantexemos a retirada do colector ou ampliar a galería coa obra de Casimiro Gómez"
Pontevedra, 10 de decembro de 2025
A Asociación de Afectados por Inundacións Río Valdecorvos (AFIRVAL) convocou unha asamblea na que veciños e veciñas do barrio abordaron a situación crítica das reiteradas inundacións e demandaron solucións definitivas ás administracións.
Coordinación institucional e obras pendentes
A asociación fixo fincapé na necesidade urxente de coordinación entre Xunta de Galicia-Augas de Galicia e Concello-Viaqua, que actualmente traballan sen coordinarse nas actuacións sobre o río. Mentres a Xunta estuda o proxecto das balsas de retención, o Concello mantén pendente o rebosadoiro de José Malvar á espera dese mesmo estudo.
AFIRVAL denuncia que o Concello se nega a plantexar a retirada do colector ou ampliar a galería coa obra de Casimiro Gómez, e reclama unha revisión completa do tramo soterrado, sospeitando da existencia dun estreitamento baixo o Colexio Atlántico ou na rotonda da Ponte dos Tirantes.
Demandas veciñais
Os veciños e veciñas reunidos na asamblea expresaron as seguintes demandas:
- Reunión urxente co alcalde para abordar a situación (xa solicitada pola asociación)
- Inclusión prioritaria da reforma do tramo soterrado nas obras de humanización previstas para 2026
- Sistema de alertas preventivas nos teléfonos móbiles ante episodios de fortes chuvias
- Valoración de accións legais contra o Concello ou Augas de Galicia
- Cobertura dos danos materiais e morais causados ás vivendas e vehículos pola utilización dunha zona residencial como zona inundable
- Regulación do aparcamento: vixilancia de vehículos abandonados e tarxeta de estacionamento libre en situacións de emerxencia